Sunday 05 de May de 2024

A Xunta e a Comisión Fulbright ofrecen este mércores unha xornada informativa na Coruña para os interesados nas novas bolsas de estudos artísticos en EEUU


A sesión servirá para asesorar as persoas que queiran solicitar estas axudas para estudos, estadías ou investigacións durante o curso 2020-2021
A Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright programan unha xornada informativa na Coruña dirixida a todos aquelas persoas que queiran ampliar os seus estudos artísticos en Estados Unidos a través dunha das novas bolsas convocadas por ambas institucións. Trátase dun encontro no que os interesados poderán coñecer todos os detalles destas bolsas.

A sesión informativa terá lugar no Museo de Belas Artes da Coruña este mércores 4 de marzo, ás 18,00 horas, e estará centrada en informar e asesorar a cantos queiran solicitar algunha das cinco bolsas postas en marcha a raíz do acordo entre a Xunta de Galicia e Fulbright para realizar, durante o curso 2020-2021, estudos, estadías ou investigacións nos Estados Unidos no campo das artes.

O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 31 de marzo e os futuros bolseiros deberán ser maiores de idade, estar vinculados a Galicia por nacemento, residencia, formación ou traxectoria profesional; contar cun título superior ou artístico; dispoñer dunha carta de acceso, invitación ou admisión nalgún centro estadounidense, e demostrar un alto coñecemento de inglés falado e escrito.

O convenio entre a Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright é o primeiro subscrito por unha comunidade autónoma no eido artístico e contempla a realización de diferentes accións de formación, intercambio e fomento da cultura. Estas bolsas, a desenvolver en centros americanos de referencia, redundarán tanto na mellora da calidade dos traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Así mesmo, estas axudas contribuirán a promocionar e divulgar o patrimonio e cultura galegos.

Detalles do acordo
O acordo, que conta cun importe de 140.000 euros para o 2020 e 2021 por parte da Xunta de Galicia, cubrirá os gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a Comisión Fulbright colaborará economicamente cunha aportación de 50.000 euros correspondente a gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia, entre outros.

Así mesmo, será Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros, que terán que asistir a unha entrevista persoal en Madrid prevista para o mes de maio. Deste xeito farase cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e de ofrecer unha rede de apoio nos Estados Unidos.